Pan da última fornada

Pan da Moa, un ano máis entre as mellores panaderías de España

O pasado luns, 29 de outubro, Manuel Moscoso e Chus Moure foron os encargados de recoller en Madrid a Estrela que, por segundo ano consecutivo, recoñece a Pan da Moa como unha das 80 mellores panaderías do noso país. 

Foto dos galardoados e galardoadas pola Ruta española del buen pan 2018
Foto dos galardoados e galardoadas pola Ruta española del buen pan 2018

Estes galardóns son concedidos polas plataformas Panàtics e Pan de Calidad, organizadoras da Ruta española del buen pan. Dentro desta iniciativa desenvólvense ao longo do ano eventos en diversas cidades da xeografía española, que inclúen catas cegas de pans elaborados con fariñas de trigo, ou trigo e centeo. 

 

O dictame dun xurado de profesionais do sector panadeiro (profesorado, prensa técnica e gastrónomos), xunto coa realización de visitas anónimas ás panaderías participantes, deu como resultado o recoñecemento do labor que a familia Moscoso Moure vén desenvolvendo á fronte de Pan da Moa. Así, por segundo ano consecutivo, fomos merecedores da Estrela que nos valora como unha das mellores 80 panaderías do país.

 

Desde Pan da Moa queremos agradecer este premio e felicitar a todos os establecementos recoñecidos cos galardóns, así como a aqueles que non estándoo se esforzan día a día por elaborar pans de calidade e por poñer en valor este marabilloso oficio.